Rosalía de Castro (1837-1885) é a escritora que inaugura o ensaio, como xénero literario, na literatura galega contemporánea. Así o certifican as súas introducións a Cantares gallegos (1863) e a Follas novas (1880), que son moito máis do que prólogos ao uso. Tal innovación reforza o carácter profundamente intelectual e premeditado dunha obra literaria que se pensa e se explica a si mesma e que a autora coloca a pé feito ao servizo da patria galega e da lingua galega. Igualmente brilla o seu papel pioneiro no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller, a apoloxía das súas conxéneres e a solidariedade coas duplas vítimas do sistema, por mulleres e por galegas. É, sen dúbida, a primeira feminista da nación galega.Son elocuentes, personalidade e obra, dunha sintonía non casual: a que eleva a lingua abaixada do seu pobo, en alianza coa defensa das mulleres e da nación mesma. Expresará como ningún outro autor do seu tempo a apoteose da subordinación e, asemade, o clamor da rebeldía.