Atopar un tesouro é sentir a emoción de enlazar o presente co pasado máis valioso. Así é o traballo de José Rodríguez Cruz, un tesouro que recupera o patrimonio esvaecido do mundo máxico do Couto Mixto, da súa cultura sentimental. Na noite estrelecida galega aparece este fermoso libro que recolle anacos da Antropoloxía cultural e das lendas deste recuncho do mundo raiano, galego-trasmontano. Sen el, o Couto Mixto quedaría eivado do seu máis xenuíno relato, o das historias e contos tantas veces repetidos ao quente do lume duns rachóns de carballo. Retorna así o arrecendo íntimo das casas que un día tiveron gravadas nas lumieiras das portas, o "E" de España, o "G" de Galicia ou o "P" de Portugal. A teimosía das metrópoles, hispana e lusa, por esnaquizar os dereitos seculares das xentes do Couto Mixto, deu na desaparición destes sinais. Este territorio bretemoso -que para os seus moradores naceu dunha lenda, o favor dos veciños a unha raíña fuxida que deu a luz na invernía, ao amparo da calor da veciñanza- tamén comparte cos pobos da contorna o patrimonio inmaterial e xenético da Raia fronteiriza.