Como foi parar unha cámara ás mans de Maruja Roca no Becerreá de comezos dos 40? Non se sabe. Nin tampouco como esas mans aprenderon a moverse na escuridade dun cuarto da casa. Sabemos, sen embargo, dos seus ollos. Dos rostros e rastros que gardou quen foi, non só a única fotógrafa da vila e das poucas mulleres que exerceron o oficio na Galicia da posguerra, senón alguén que hoxe se nos revela como artista para a historia da fotografía. Ollos que aínda ondulan nas imaxes, tentándonos a tocar a superficie dun feitizo.
O feitizo de Maruja Roca é unha publicación con fotos dun tempo que xa non existe cun ollar artístico e persoal.