Sinopse
As autoridades republicanas do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes entenderon ben cedo que só a socialización da lectura –até entón inexistente– permitiría asentar no Estado español un réxime democrático e de liberdades. E, en consecuencia, dedicaron inxentes esforzos á creación de bibliotecas que, por un lado, acabasen co secular desequilibrio entre campo e cidade, e por outro, posibilitasen a igualdade de oportunidades no acceso á lectura.
E, xustamente, de bibliotecas trata este libro. De como se crearon e de como se destruíron, tomando como referencia o sucedido en Galiza. Unha cuestión que na nosa historiografía recente presenta un baleiro difícil de entender. Se exceptuamos escasos estudos sobre algunhas bibliotecas concretas e a súa evolución até 1936, moi pouco sabemos.
Este trahallo tenta percorrer o labor fecundo que as autoridades republicanas realizaron no terreo bibliotecario, pero non só elas senón que dende comezos do século XX unha morea de agrupacións políticas, sindicais, ateneos e casinos recreativos instalaron nos seus locais bibliotecas abertas á poboación. E outro tanto fixeron as sociedades de instrución de alenmar coas súas escolas de emigrantes.
O golpe de Estado de xullo de 1936 contra a legalidade republicana conseguiu rachar con todo isto: bibliotecas enteiras queimadas, roubadas, espoliadas, incautadas... perdidas para sempre en nome dunha Patria e dunha Relixión que entendían os libros como "material perigoso". As TEBRAS instaláronse nunha Galiza que comprobou como alí onde queiman libros, rematan queimando homes