Prepublicada por capítulos en 1882 no xornal Gil Blas, O Gozo das Damas narra a historia de Denise, unha moza orfa que chega a París cos seus dous irmáns procurando o posto de traballo que o seu tío Baudu lle ofrecera ao morrer seu pai. Porén, cando Denise chega, o negocio de Baudu atópase xa en franco declive por mor da durísima competencia que supoñen, para el e para todos os pequenos comerciantes do barrio, os modernos grandes almacéns fundados por Octave Mouret. Será neles, e non na tenda familiar, onde Denise comece a gañar a vida en París e desde onde verá as profundas mudanzas que provocarán en toda a cidade.