O home de negro proponnos unha trama singular, a dunha escritora que comeza a relatar “a historia dun home que un día espertou dun estraño soño onde el era o único habitante dun espazo branco” e que, a partir dese momento, vai converterse nun ente autónomo que dirixe o seu propio destino e mesmo interactúa coa súa creadora.
A grande imaxinación despregada por An Alfaya nesta obra así como as implicaturas filosóficas que encerra o seu relato fan desta novela un texto que debe interpretarse cunha mirada aberta, que nace con vocación de chegar a un abano amplo do lectorado.