A figura do protagonista da obra non é descoñecida, como moi ben apunta o responsable desta singular biografía. Carlos García Cortés afirma que “calquera persoa do noso país de cultura media, cunha normal formación humanística e literaria, terá referencias sobre este crego ilustrado do século XVIII, famoso polos seus escritos polémicos e enxeñosos poemas”. Esa faceta de literato e, certamente, de precursor dun galeguismo ben centrado no amor á terra, á lingua e a unha idea de Galicia que pugnaba por facela saír dun secular esquecemento, é coñecida.
Pero, quizáis, o seu labor de cura sinxelo, pastoreando nunha bisbarra alonxada das dignidades e pompas a veces excesivas de Santiago, quedase máis esquecida. E aí é onde a pluma de Carlos García Cortés adéntrase para deixar ben ás claras que Diego Antonio Zernadas “era ante todo un crego”. Tras cursar estudios de Teoloxía e ser ordeado en 1732, foi nomeado párroco de San Martiño de Fruíme, no actual Concello de Lousame, un labor que desempeñou ata practicamente a súa morte. Nada nin ninguén lograron sacarlle daquela bisbarra noiesa, “gañado pola devoción á Virxe das Dores, á que lle dedicou esforzos e escritos sen conto”, sinala García Cortés.
Cura de aldea, pero cura de letras. Tratou a expoñentes eximios, sobranceiros, daquela xeración ilustrada: o P. Sarmiento, o P. Feixoo, o P. Sobreira; a coengos como Sánchez Vaamonde e Páramo Somoza; ou a leigos destacados como Cornide Saavedra, Herbella ou Somoza de Monsoriú.
Para García Cortés, na etapa de madurez de Zernadas confluían perfectamente “a fonda decisión do sacerdote, a apertura ás correntes reformistas da Ilustración, a imaxinación poética do neoclásico e tamén un aceso amor á nosa terra, expresión dunha inequívoca vocación galeguista”.
Este libro de García Cortés -quen ao longo da súa traxectoria deixou mostras ben evidentes de grande e rigoroso biógrafo- é unha aposta decidida polo recoñecemento e a valía sociais do cura de Fruíme, quizáis unha asignatura pendente para unha maioría que segue orfa do coñecemento de Zernadas, “personaxe admirable na moderna historia cultural de Galicia, de quen podemos sentirnos orgullosos, porque representa como poucos as esencias máis valiosas desta terra e das súas xentes”, segundo nos di o autor.
Da solidez como historiador de García Cortes queda como evidencia a propia estructura do libro. No seu primeiro capítulo fala dos datos documentados da biografía de Zernadas, mentres que no segundo toma como eixo o universo literario do cura de Fruíme, advertindo García Cortés que ao seu parecer “a obra literaria de Zernadas non foi estudiada, antes de agora, máis que desde algunhas perspectivas da mesma, insuficientes para definir a obra total saída da súa pluma”. É nesta parte do libro onde se profundiza na naturaleza da obra de Zernadas, coñecida xa no seu tempo na propia Corte. Foi prosista, gran orador e non menos notable poeta, de extensa obra lírica.
O capítulo terceiro acolle aqueles poemas do cura de Fruíme escritos en galego que, como explica Carlos García Cortés, “teñen o enorme valor de estar escritos nun século XVIII que rexeitaba o galego como forma de expresión oral, e aínda máis escrita, nas capas sociais cultas e urbanas”. A antoloxía dese poemario constitúe, sen dúbida, unha clara invitación a coñecer máis en profundidade a figura e a obra de Zernadas.
E un recordatorio, a quen corresponda, de que si se lle adicase no futuro un Día das Letras Galegas, como propón García Cortés, “a súa celebración contribuiría sen dúbida a darlle maior sona a esta egrexia figura da nosa cultura. Pero, en todo caso, o xuízo do noso pobo así como o dos auténticos intelectuales, xa hai moito tempo que fixeron deste cura ilustrado un galego universal”.