Sinopse
Antano, hai xa moito tempo, nos días en que non existían os dragóns, os homes, as mulleres e os nenos da China cazaban, pescaban e vivían en tribos baixo a protección de espíritos benévolos...
Mentres que en Europa o dragón é un animal misterioso e de reminiscencias diabólicas, en Asia é sinónimo de paz. Esta obra bilingüe galego-chino mandarín, que conxuga literatura, caligrafía e ilustración, conta a orixe desta criatura mítica, creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas das diversas tribos chinesas. Os adultos, que veneraban os animais sagrados, tamén facían a guerra no seu noma...
...Ata que os cativos decidiron crear un animal que os arredara desa espiral bélica: co corpo da serpe silandeira e astuta admirada polos habitantes da meseta, coa cabeza do cabalo veloz coma o vento que protexía os xinetes, coas escamas do peixe escintilante honrado polos pescadores de beiramar, cos cornos do búfalo forte e traballador ao que enxalzaban os campesiños dos arrozais, e coas patas do paxaro libre e cazador loubado polos montañeses, xurdiu un ser híbrido co que cada Aninovo chinés se festexa a paz e a ledicia.
O libro complétase cun mural despregable no que se explica a técnica dos ideogramas e da escritura chinesa; no asesoramento colaborou a profesora Claudia Berger, responsable de ensino de chinés moderno na Universidade de Xenebra. Ademais, na elaboración deste volume utilizouse papel obtido de bosques xestionados de maneira responsable, certificados de acordo coas normas do Forest Stewardshil Council.