Bempa Tantis, outrora idealista, combina certo pulo emprendedor co encanto físico e unha aura gaioleira. Consome a vida entre un negocio non demasiado boiante, un marido abúlico que a idolatra en silencio, dous empregados servís e ilusións de improbable consecución. Son os alicerces nos que Menis Koumantareas apoia o edificio desta novela urbana, interpretable como elexía do desencanto dunha xeración que entrou na madurez escoltada pola instauración da Ditadura dos Coroneis, un réxime militar que lle puña o ramo a unha cadea de traumas: a II Guerra Mundial, a Guerra Civil subseguinte e o fracaso do posterior réxime parlamentario. Traducido do grego por Alfonso Blanco.