A novela conta a historia dun fato de rapaces que, logo de sobreviviren a un accidente aéreo, teñen que organiza-la súa vida nunha illa deserta sen a presencia dos adultos. Os rapaces da illa de Señor das moscas son, de certo, personaxes dunha parábola ou dunha fábula que, coma tódalas grandes parábolas, lle revela ó lector unha conexión íntima e desacougante entre o aspecto inocente, de literatura de entretemento, que ten a súa superficie, e os fondos abismos do seu interior. Segundo William Golding “A moral da novela é que a estructura dunha sociedade debe depender da natureza ética do individuo, e non dun sistema político, aínda que sexa aparentemente lóxico e digno de respecto. O libro”, afirma o autor, “ten, en conxunto, unha natureza simbólica”.