Sinopse
A proposta que fai o autor é partir dalgúns fragmentos da Literatura como base dunha reflexión ética que retornará de novo á Literatura nun ir e vir que nos permitirá dar conta da vulnerabilidade humana ante a violencia e desmesura dos poderes que se empeñan en naturalizar a presunta racionalidade do que tecen como real. A Literatura (narrativa, ensaio, teatro) proporcionaranos un procedemento eficaz e fermoso de mostrar os trazos da moralidade humana, dos logros acadados en humanidade a través do recoñecemento intersubxectivo da dignidade, liberdade e conciencia persoal.
Preséntase unha selección de pasaxes da Literatura Occidental, desde a Grecia clásica até finais do século XX, que ofrecen interese para coñecer e comprender o home, que, tendo a destreza máis asombrosa para enxeñar recursos, os dirixe unha vez cara ao ben e outra cara ao mal.
En suma, este ensaio intenta presentar unha mostra representativa, sen animo de exhaustividade, desa variedade de propostas no uso da razón práctica que ao longo da creación literaria e da reflexión ética foron marcando a dirección cara á identidade individual autónoma e a identidade colectiva democrática.