Sinopse
Agota Kristof naceu en 1935 en Csikvánd, Hungría. En 1956 exiliou-se a Suíza, onde traballou como obreira nunha fábrica antes de comezar a escribir en francés, a súa lingua de adopción. Autora de pezas de teatro que se estreaban en cafés ou se retransmitían pola radio, coñeceu o éxito coa súa primeira novela, O gran caderno , publicada en 1987, e que con A proba e A terceira mentira forma parte dunha triloxía traducida a máis de trinta linguas. Na súa cuarta novela, Onte, publicada en 1995, recrea, coma no resto da súa obra, cun estilo seco e sen circunloquios, un mundo marcado pola migración forzosa e a ausencia de esperanza. O exilio, o desarraigo e a vida de autómata dun obreiro industrial aparecen esbozados nesta narración concisa, fría e transparente, a través do relato do protagonista, ora Sandor ora Tobias. O amor incestuoso pola súa medio irmá e a escritura nunha lingua que non é a propia son a súa única salvación nunha realidade gris, nunha vida de mentiras e de renuncia. Cun estilo austero e sen verniz, entrecortado por pasaxes simbólicas e delirantes froito da mente do seu personaxe principal, a autora preséntanos un mundo no que o mañá é incerto, no que só persiste o vivido onte, o peso do pasado