Orfeo Canta

Autor
Roberto Abuín
Editorial
Axóuxere Editora
ISBN
9788494855320
Idioma
Gallego
Publicado
2018
Nº de páginas
260
Formato
Rústica
Colección
Calíope
18,00€

Entre a literatura e o pensamento ábrense territorios que a racionalidade mitopoética explorou ao longo dos séculos. Un deses lugares comúns no que a creación poética e filosófica se recolleu durante moito tempo é o mito do descensus ad inferos (descenso ao inferno) protagonizado por Orfeo e Eurídice. Roberto Abuín insírese nesa mesma dramática para investigar algo esencial das persoas e do mundo: a forza conducente que a escura potencia do real manifesta na conformación do visible, deses eidos de luz nos que as vidas transcorren apracibles mais tamén fraxilmente. Orfeo canta. Iniciación signo & retorno é unha arriscada proposta a medio camiño entre poesía, narrativa e filosofía que se interna por unha senda exótica e inhabitual na escrita contemporánea. Nas súas páxinas bambea desde a figuración circular de Kore, señora do inframundo, tecedora das urdas que fan posible o existente, até a luminosidade da liberadora Ariadna, guiándonos polos rizomáticos labirintos das nosas psiques. Desde o Hades até Lesbos, a catábase órfica convértese nun modo de realización, nun xeito de acadar sentido, nun vieiro para o pensar. Nas texturas que latexan no libro unha danza se abre paulatinamente, nun espazo difícil de categorizar, desfechando o repregue das palabras que nos viven e nos dan sustento, e conferíndolle aos ollos unhas auráticas insospeitadas, panoramas novos, realidades por enxergar. Se un poder lle é concecido á poesía ha ser, seguramente, algo semellante ao que este libro tenta entregarnos.