Os tardeiros fala, ante todo, das complicacións da idade adulta, decote indisociables da nenez. Para o caso, sérvese do máis de medio século de amizade entre os protagonistas homes, Hartmann e Fibich, dous seres con vidas paralelas e, así a todo, con formas ben diferentes de xestionar o seu duro pasado. Orfos tras a desaparición das súas familias polo cataclismo da Segunda Guerra Mundial, foxen da Alemaña nazi cando nenos –Hartmann de Múnic, con doce anos; Fibich, cinco anos menor, de Berlín– para se instalaren en Inglaterra, onde emprenden un camiño compartido: os inicios na escola, a apertura dun negocio e, non moito tempo despois, os seus respectivos matrimonios con Yvette e Christine, así como a nacenza dos fillos, Marianne e Toto, e a súa imprevisible medranza. Agás a política, a novela toca infinidade de paus: a memoria, as aspiracións frustradas, o conformismo, as decepcións, o suicidio, a depresión, a forxadura da identidade, a beleza, a insatisfacción crónica, o angst existencial, o que se mostra en público e o que fica no ámbito da intimidade, o amor sentido de múltiples e insospeitadas formas… Por outro lado, fala, se ben de pasada, de relixión: Brookner, coma os personaxes de Fibich e Hartmann, era de orixe xudía, pero, outra volta coma Fibich e Hartmann, declarábase «pagá», non crente. Logo, de xeito tanxencial, a autora aborda asuntos tales como os abusos infantís, a represión (con frecuencia emocional e autoimposta), os conceptos de felicidade ou de fogar… Todo isto nun plano xeral e difuso.