James Gastrell é un xornalista inglés que na primavera de 1862 agarda en Damasco a que chegue o momento de coller un barco de volta a Inglaterra nalgún dos portos do Levante. Alí decide visitar a Jane Digby para ver se consegue chegar a Palmira ou que polo menos lle conte algún dos episodios da súa escandalosa existencia.
No canto da súa historia ela cóntalle a vida de Lady Hester Stanhope: dende a súa particular infancia, a súa mocidade pouco convencional e o período que pasou xunto ao seu tío, primeiro ministro, que a converteu brevemente na muller con máis influencia de Inglaterra. Até que unha serie de perdas moi seguidas fan que caia nunha depresión e comece unha viaxe polo Mediterráneo, que instintivamente vaina levando cara o Oriente: Xibraltar, Malta, Grecia, Turquía, Exipto, Palestina e Siria. Dese xeito convértese na primeira muller europea en chegar a Palmira dende a antigüidade. Despois de cáseque perecer nunha epidemia decide asentar temporalmente preto do Monte Líbano, encaixando tan ben na súa sociedade xerarquizada que axiña se vai ver envolta nas súas intrigas e loitas de poder. Coas súas finanzas sumidas nunha débeda permanente e a súa vida en constante risco de morte.