Sinopse
Alexandra é unha rapaza de primeiro de Bacharelato a quen lle gusta moito a lectura e a música da cantante islandesa Björk, afeccións nas que atopa no seu cuarto os seus mellores aliados á hora de construír un mundo paralelo onde vivir. A amizade con Eva, unha compañeira de clase que arrastra un pasado difícil, levaráa a descubrir en Internet a páxina de bookcrossing, un espazo web de persoas que liberan libros para que outras os atopen. Alexandra e Eva entrarán en contacto cun misterioso personaxe que, despois de anuncialo na rede, abandona nos cafés libros da poeta arxentina Alejandra Pizarnik. A lectura desta autora muda a maneira de ver as cousas de Alexandra que, mentres investiga a verdadeira identidade do personaxe, irá descubrindo os segredos da súa nova amiga. A paixón de Alexandra do escritor catalán, nacido en Betanzos, Xulio Ricardo Trigo, é unha historia emocionante que nos fala dos misterios que todos levamos dentro e de como podemos compartir con outras persoas as paixóns máis secretas.