Gorecho Papa Gaio é un tipo tan instranscendente como anónimo, un solteirón pálido, que endexamais chamaría a atención de ninguén, aparvado pola falta de motivacións e polas doses abondas de alcohol unidas ás tamén abondas teorías alcohólicas e ás moitas partidas de cartas que, segundo el mesmo di, lle proporcionan un estad o semellante á felicidade, por máis que sexa a felicidade do nugallán que pasa pola vida sen pedirlle nada a esta. Esa existencia pequena nunha vila pequena transformouse cando regresa á súa casa convertido en pantasma para ter unha segunda oportunidade. Ante un feito tan insólito, Gorecho compórtase de xeito tamén insólito, aínda que convincente. As teorías que invoca para explicar o seu comportamento na súa primeira vida son todo un tratado das inconsistencias do mundo que nos rodea e das dificultades para atoparlle un sentido. Nesa segunda oportunidade encontrará a ocasión de emendarse. Cun constante sentido do humor retranqueiro, Cobas conduce o seu protagonista a través dun percorrido pola Galicia máxica e tradicional.