Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor Ademais dun sistema de deseño, a permacultura converteuse nunha filosofía de vida. Os seus principios e éticas sérvennos para habitar este planeta dunha forma máis responsable. Velaquí unha caixa de ferramentas coas que tomar conciencia e actuar cara a unha mudanza ecosocial necesaria. Quen pense que a permacultura ten que ver coa disposición dos cultivos ou con bioconstrución, vai por bo camiño, pero non atopará aquí o típico libro de permacultura, senón un libro que vai moito máis alá. A súa esencia é nutrir e espallar a visión dunha permacultura integral e práctica que nos axudará a tomar consciencia dos retos actuais, a avaliar axeitadamente as nosas posibilidades e a tecer redes. Desde as experiencias persoais e unha traxectoria profesional activa e activista, pero sobre todo desde a curiosidade cara a proxectos que apostan por outro mundo posible, Alexandre Grande Babarro preséntanos nesta obra unha visión global da permacultura que abrangue historia, referentes, trazos característicos, ferramentas de deseño e recursos para un mundo mellor. Completa ademais a súa achega coa presentación de proxectos asentados en Galicia que nos propoñen respostas reais e viables ás crises ecolóxica e sistémica mundiais.