Se ben existen, como en todas as literaturas, certas inercias —e é inevitábel, porén, que algúns patróns (referenciais, espaciais, de canal, emisión ou amizade) fagan que as temáticas e as voces se acheguen dunha forma non sempre desfavorábel, pois a semellanza tamén supón cohesión e concordancia—, sería precipitado nomear a poesía nova da Galiza como constructo ou imaxinario dunha posible xeración en crecemento. As achegas difiren tanto entre si e teñen intereses tan disímiles que non poderiamos trazar, sen caer na pretensión ou no superfluo, unha liña que definise con xustiza a realidade creadora en que se desenvolven. E o certo é que sen querer entrar en controversias (…) cómpre salientar que hai en Galiza un país o suficientemente robusto no eido da poesía como para ter que propoñer xeracións literarias cada cinco anos e esquecer os autores e autoras que as compoñen porque algo novo xorde no inmediato. Claro que reformular constantemente os grupos é algo que presume de riqueza, pero non máis que a difusión, o recoñecemento e a lectura que deberían ligarse ao seu descubrimento. (…) Isto serían os novísimos que este volume acolle: poetas que escriben en galego menores de trinta anos. Atopamos neste libro algunhas liñas temáticas que trazan unha trama xeral e constrúen o que define esta non-xeración como representación dunha realidade comprimida nun espazo tan pequeno —pero suxestivo— como é Galiza.