A editora rianxeira Axóuxere vén de publicar o documental Porta para o exterior, un traballo dirixido por María Isabel Fernández Domínguez e José Ramom Pichel e que aviva o debate sobre a posibilidade da vía reintegracionista para a lingua galega. O filme dá voz a persoas moi diversas -testemuñas extraídas de máis de setenta entrevistas, ás dúas beiras do Miño- ao obxecto de indagar o estado de situación -e as expectativas futuras como individuo e como colectivo- do idioma propio, que, sosteñen os autores, infelizmente non atravesa un bo momento. O proxecto quere poñer sobre a mesa un movemento plural que, a pesar da súa marxinación desde a oficialidade e dos seus propios erros, «continúa a consolidarse como un referente» e estratexia alternativa para o galego. E, sobre todo, busca presentar ao lusismo como algo máis que unha corrente filolóxica puramente teórica e só para militantes, como un territorio con máis de 250 millóns de falantes.