Os datos publicados nos últimos anos veñen rexistrando un descenso da presenza do galego nas novas xeracións. Este proceso é máis acusado nos territorios máis dinámicos económica e demograficamente, as cidades e as súas áreas de influencia. A infancia é unha etapa fundamental no desenvolvemento das competencias e o comportamento lingüístico, por iso comeza a ser habitual que as investigacións sociolingüísticas atendan á familia ou á escola como contextos cruciais da socialización lingüística. Porén, son escasos os traballos que estenderon as pescudas fóra destes ámbitos. Este proxecto xurdiu coa intención de ampliar a ollada, afondar no coñecemento destoutros espazos e estender a análise a outros contextos cada vez máis relevantes para as nenas e nenos: as actividades complementarias, de conciliación da vida laboral e familiar e as extraescolares. A investigación desenvolveuse na comarca de Santiago. En entrevistas e grupos de discusión falouse con membros das familias e das escolas, con xente das empresas de lecer e tempo libre e de distintas asociacións e clubs deportivos. Realizáronse entrevistas con representantes municipais, que tiveron a oportunidade de explicar de primeira man as políticas lingüísticas das súas administracións e as dificultades que atopan para implementalas. A pretensión que guía este traballo é dar unha visión de conxunto do que está a acontecer na socialización infantil, analizar o lugar do galego nos modelos lingüísticos de cada contexto e a súa influencia no desenvolvemento da conduta lingüística das nenas e nenos. Os seus resultados permiten explicar como se produce este proceso de substitución do galego polo castelán na infancia nos contextos familiares e extrafamiliares do urbano e periurbano galego.