Chámome Morgana e, segundo a miña avoa, teño simpatía a moreas. Paula, unha amiga, di que se puidese peitearme habíame converter nunha criatura adorable, pero Paula é unha presumida, e a min non sei se me gustaría ser unha criatura adorable. Do resto de amigas: Lola, ben; Paula, un chisco presumida pero ben; Pili, moi ben; Uxía, ok, e Silvia, coitada, os seus pais acaban de divorciarse. Todas, menos Uxía, xogamos ao baloncesto. No primeiro trimestre gustábame Vítor, pero entón apareceu Xiana, chiscou os ollos e o moi parvo colgouse dela coma un papagaio. Durante un tempo estiven enferma de carraxe amorosa, pero agora gústame Berenguel, que fai poesías cun pouco de rima consoante.