Ticho é un neno de once anos que malvive nunha chabola xunto co seu pai eivado e a súa irmá Area. El traballa de sol a sol nunha mina de carbón e a irmá fai outro tanto nun vertedoiro de lixo. É a única saída que teñen para sobrevivir na República de Ocidia, un país gobernado con luva de ferro por un ditador tan extravagante coma sanguinario. A vida de Ticho estará marcada por ese traballo inhumano para un neno, pola ausencia da nai e por buscar na fantasía a válvula de escape a unha realidade tan atroz. A súa vida podería ter sido a biografía cotiá de millóns de nenos e nenas en todo o mundo, pero Ticho cruzouse cun trasno na mina onde traballaba e ese feito revolucionou a súa vida e a da súa xente. E non, isto non é un conto marabilloso.