Sinopse
Luz Pozo Garza regresa á poesía en galego cuns versos retadores. Asistimos a un microcosmos poético moi singular. Afastada de calquera moda ou tendencia, a escritora e filóloga —nada en Ribadeo en 1922 e autora do seu primeiro libro de poemas hai case setenta anos (Ánfora, 1949)— establece aquí un diálogo con Jorge Luis Borges a partir do relato “La rosa de Paracelso”, onde o escritor arxentino narra a historia do mago alquimista e do seu incrédulo discípulo. Neste conto, Borges afonda na orixe da creación como algo transcendente. Sobre estes vimbios constrúe Luz, ceibe, a súa Rosa tántrica.
DEZ ANOS DE TRABALLO EN 63 POEMAS
É o seu regreso, despois de Deter o día cunha flor (2009), á poesía en galego. Un conxunto de versos nos que a creadora levaba traballando preto dunha década. O libro consta de 63 poemas, estruturados en dúas partes ou “Libros” e trece capítulos. Luz Pozo mergúllanos nun peculiar universo poético no que, por veces, a puntuación xoga cos lectores e a lingua galega atrae como imán termos e xiros do sánscrito, latín, inglés, portugués e castelán.
SIMBOLOXÍA BUDISTA
Aquí, a simboloxía budista e o tantra agroman en cada intre: a enerxía positiva de Pundarika, o vieiro cara ao alén da Tábula Esmeralda, o ciclo de vidamorte-vida-reencarnación do Samsara, a pureza da Flor de Loto... Mais tamén os enigmáticos tigres de Borges ou a aparición de filósofos como Carl Jung “aquel sabio que entendía a alma”.
A IDEA DE ETERNIDADE A TRAVÉS DA CREACIÓN
Pídenos Luz, dende o seu outeiro vital, que, coma ela, nos enfrontemos á idea de eternidade a través da palabra e da creación. Así de rica e complexa é esta misteriosa e transcendente Rosa tántrica.
Esta edición, ao coidado de Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, conta coa colaboración dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que asinan senllos poemas ao final da obra. Así mesmo, Luz Pozo é a responsable da ilustración da capa e dos debuxos interiores.