Sinopse
As sagas nórdicas, a gran contribución de Islandia á literatura europea, viñeron ao mundo cando morría o primeiro milenio nun lugar inhóspito do Atlántico norte onde non había pedra idónea para construír, nin madeira dabondo para tallar, nin metais para moldear, polo que a expresión artística dos primeiros poboadores se fundou en algo que xa levaban consigo: a palabra. Nas longas noites de inverno, ao abeiro do lume, as sagas permaneceron na tradición oral dos islandeses durante varias xeracións de homes. Os sagnamenn repetíanas de memoria nos banquetes, sermóns e asembleas. Logo, no século XII, cando cada vez eran menos os nobres que posuían barco propio, convertéronse en literatura escrita. A palabra abandonaba o océano do verbo para pólo pé na terra firme do signo. Este salto foi propiciado en gran medida pola implantación do cristianismo en Escandinavia. Se por unha banda a nova relixión supuxo o declive do mundo no que se inspirara a literatura nórdica antiga, especialmente no que respecta á súa mitoloxía, tamén significou a preservación da literatura oral, xa que coa cristianización chegou o alfabeto latino e tamén o pergamiño. A Saga dos Groenlandesesa e a Saga de Erik o Roxo ocupan un lugar destacado dentro das sagas, xa que narran o descubrimento e intento de colonización de América polos escandinavos arredor do ano 1000. Trátase, pois, do primeiro documento sobre un encontro entre nativos americanos e europeos. Leifr o Afortunado, fillo de Erik o Roxo, foi o pioneiro que se asentou nelas, dándolles nome. A vida do seu pai, pola súa banda, está ligada ós primeiros anos da Groenlandia histórica, pois Erik o Roxo foi o seu primeiro explorador e colono; el deulle nome e levou embarcacións cheas de islandeses para que construísen alí o seu fogar.