#
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na súa ampla bagaxe de dinamización cultural, fai realidade, coa publicación deste libro, o desexo de ter unha produción editorial propia, a cal agardamos que teña continuidade en breve para tratarmos de formar unha colección de seu. Para o caso, non podía ser menos que comezarmos esta nova xeira coa publicación dun libro dun grande amigo que fala, alén disto, desde o rigor, a seriedade e a análise dun persoeiro especialmente querido para a nosa entidade. Para nós é un motivo de orgullo verificarmos que o primeiro número da nosa colección rende homenaxe a Manuel María, socio de honra da entidade a título póstumo, activo participante e membro da asociación durante os seus anos na Coruña. Con este libro pretendemos tamén na medida das nosas posibilidades axudarmos economicamente a Fundación Manuel María, con que nos unen fondos lazos de amizade e de traballo.