Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que se lle presentou milleiros de veces ao pintor e escritor Urbano Lugrís mentres era arrastrado por unha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne... en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando a única vía de escape, na inacabable invernía do réxime, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, astro do balompé mundial. Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra de gran calado que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina.