A nai, o capitalismo, a violencia, a linguaxe, o suicidio, o amor... Estas son algunhas das sombras que transitan por Suicidas de Fran Cortegoso, a proposta coa que Chan da Pólvora Editora abre as súas publicacións de outono. O lanzamento do libro, que chegará a primeiros de outubro ás librerías, está precedido por unha pre-edición numerada de dez exemplares, con sinatura do autor, destinada especialmente a coleccionistas. Esta pre-edición presenta unha imprentación diferenciada respecto da edición final, así como lixeiras variacións sobre o texto. Con Suicidas, Cortegoso coloca aos lectores fronte ao que é, sen dúbida, un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas. Francisco Cortegoso (Pontevedra, 1985) deuse a coñecer no ano 2008 en Revista das Letras con Ningún home, agrupación de poemas nos que xa se amosaba Suicidas. No 2013, conseguiu o Premio Pérez Parallé con Memorial e danza, uns poemas nos que se movía entre as escenografías da revelación, o campo nutricio das rosa e a disolución da paisaxe bravía.
Cortegoso escribe Suicidas entre os vinte e os vintecinco anos, se ben só agora o compacta nun conxunto tan apaixonado como desconcertante. Os textos, xurdidos dunha lectura de distintos escritores suicidas, son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos.
Para el, a literatura debe transmutar esa violencia e ese obxectivo, ao cabo, é o que estrutura auténtica estrutura o seu libro. A través de sintaxes inflamadas e atmosferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser.
Revólvese, cae, levántase de novo, morre, renace e loita nunha insólita tensión lingüística. «O verdadeiro problema da poesía», asegura o poeta, «é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poida acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. A clave dese mecanismo perverso é que a linguaxe tamén totaliza o eu e iso é o que os meus versoscombaten».
Un dos trazos comúns dos escritores suicidas é, a xuízo de Cortegoso, que o suicidio vén como consecuencia de que eles «non recoñecen a forza tremenda da linguaxe, que os obriga a retomar a memoria como todo absoluto. Iso tortúraos e, finalmente, lévaos á morte». Son escritores, puntualiza, «que xogan entre os campos do ser e do nihilismo», mentres que Suicidas «pescuda unha vía á marxe das totalizacións, tanto a da nada como a do ser» e atopar «unha linguaxe alternativa». Nese sentido, o libro «é a concienciación de facerme poeta» e de asumir persoalmente ese estado. «Só despois de concibir estes textos», engade, «me puiden permitir escribir poesía».