eatro de Guiñol presenta unha escolma dos versos máis retranqueiros e festivos de Manuel María, o que xa constitúe un garante de éxito entre o público ao que se destina a obra. Compilados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, os once temas que conforman o álbum foron musicados polo grupo Pirilampo, sendo esta a súa segunda contribución á colección Sonárbore de Galaxia -tras a publicación de Lucecús no ano 2014-. Mención especial merece o deseño deste libro-disco, que grazas á achega do recoñecido artista gráfico Iván R. se convirte, case, en peza de coleccionista. Unha coidada e particular estética que recrea a vida que existe máis aló das verbas de Manuel María. O músico coruñés Xurxo Souto, abandeirado por excelencia do movemento bravú, é o encargado de prologar este Teatro de Guiñol. Unha intervención na que califica ao grupo Pirilampo de marabilla. “Un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”. Un prólogo no que ademais, Souto se remonta á mesma infancia de Manuel María, un neno de ollos grandes que aprendeu a usar a ferramenta da fala -agasallo dos avós- para compartir historias e e ncher de poemas toda a Terra Chá. A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol, que lle dá título ao álbum, son só algúns dos poemas escolmados, nesta ocasión, para o gozo de grandes e pequenos. Poemas atemporais para ser contados e cantados, moito máis aló deste ano 2016 no que se lle adica a Manuel María o Día das Letras.