Pallarés comezou a escribir Tempo Fósil a finais do ano 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro levou por diante a casa familiar, que o seu pai construíra coas súas propias mans. O libro medrou deste xeito arredor da destrución do lugar, da familia e da imposibilidade de deixar pegadas indelebles. Máis que unha indagación na nostalxia, estamos ante un libro extraordinario sobre o paso do tempo, obsesión dunha autora que contempla e sente a aniquilación como extinción colectiva.
Tras case unha década de silencio, Pilar Pallarés regresa cunha poesía desapacible e brillante, rigorosa e hipnótica. Tempo fósil marca, sen dúbida, unha inflexión de poderosa radicalidade na súa obra.