Sinopse
Nova entrega de Conchi Regueira, autora de "Un marciano neste mundo", novela finalista do 1° Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2004 convocado por Baía Edicións.
Esta obra, dirixida a rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, na que se mestura a tradición histórica e a máis avanzada tecnoloxía, sitúanos en Ponterrubiáns, unha vila imaxinaria, onde viven Natalia e Guillerme, compañeiros de clase no instituto da vila, protagonistas dunha intensa aventura na que, a partir dunha enigmática clave atopada nun peto de ánimas do lugar, tentan resolver coa axuda dun videoxogo de última xeración e dalgúns dos seus mellores amigos e amigas unha vella lenda da súa vila na que se dicía que un bispo do século XVIII agachara un tesouro non atopado aínda, e tamén a misteriosa desaparición da profesora de Historia.
"O tesouro das ánimas" é un magnífico paso adiante de Conchi Regueiro dentro do mundo da literatura infantil e xuvenil, mostrando unha gran seguridade na elaboración dun historia na que se entrecruzan personaxes ben debuxados e diversas situacións que se resolven de forma críbel nun final que invita a ese aplauso infantil que dabamos nas tardes de domingo nos cines cando o heroe ou heroína da película vencía "os malos".