A decisión de abandonar Madrid para sempre presentóuseme en forma de epifanía unha mañá de inverno, mediados os anos noventa do século pasado. 1995, creo. Mes de marzo, probablemente. A iso das 8:45. Estación de Barrio de La Concepción. Liña 7. Cor laranxa. Chovía. Que xa é mala hostia que chova en Madrid. Quen sabe, se non chovese aquel día pode que nunca acabase aquí. Pode que as cousas fosen ben distintas para todos. Pero aquela mañá de hai case que vinte anos Marcos aínda non nacera, e non había ninguén ao seu cargo para evitar que chovese.