"Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro" é o texto gañador do XV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, premio convocado polo Concello de Noia, e que Urco Editora ven de publicar, inserido no seu selo Urco Xuvenil. Como é propio da colección, a capa é obra de José Ángel Ares.
Para a súa novela, Álex Bayorti revisita e reinterpreta os inmortais personaxes de Mark Twain: Tom Sawyer e Huckleberry Finn, dous nomes que, para os amadores da literatura xuvenil, son sinónimo inconfundible das palabras aventura, diversión e liberdade. Dicimos reinterpreta porque son varios os cambios que experimentan as creacións de Twain na súa nova aventura:
A narración comeza extraendo aos personaxes da postal estática na que os ubica automáticamente o maxín: a súa pequena vila na ribeira do Mississippi, e transcorre na Galiza, no ano 1985. Tom e Huck decidiron mudarse a un lugar que non lles lembrase en absoluto ao Mississipi, entre outras cousas porque Becky, a amiga de ambos e primeiro amor de Tom, abandonou a vila deixando atrás aos seus amigos.