Sinopse Sen causa aparente, o autor e director teatral Paulo Barreiro acorda unha mañá convertido nun cativo de dez ou once anos. Así comeza a nova achega narrativa de Xabier López López na que, baixo o revestimento dunha novela picaresca e de iniciación, atopamos unha narración chea de sorpresas, entretecida con mitos e homenaxes literarias. Finalista do Premio Torrente Ballester 2006, Trinta e dous dentes xoga coas ideas de aparencia e identidade para trazar unha metáfora sobre a minoría de idade imposta a individuos, culturas e sociedades.