O Visito conta durante tres noites a historia do rei Gaoth, guerreiro valente e astuto, vencedor en centos de batallas, que tivo o mar dentro da súa cabeza. Dende o miradoiro dunha altísima torre, construída na beiramar, Gaoth esculca arreo o mar, enxergando cada sombra que as nubes debuxan na tona da auga, ata identificar a presencia dunha illa dunha cor verde intensa que apareceu no mar sen advertencia nin explicación ningunha.
Un conto marabilloso que forma parte desa rede de historias que nos explican a vida, porque ningún castigo merece ser eterno, porque ningunha culpa é imperdoable.