Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns... A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior.
A série do mundo secreto de Basilius Hoffman comprende un ambicioso proxecto de fantasía que abrangue vários médios artísticos, centrados todos eles arredor dunha série de cinco novelas escritas por Fernando M. Cimadevila e ilustradas por Iván Valladares coas que nos mergullamos nun mundo estraño e complexo, un universo onde o profesor Hoffman: arqueólogo, historiador, lingüista e, sobre todo, explorador de mundos ocultos, serve de guía ao seu novo sobriño Peter nunha viaxe na que as lendas e os mitos de moi diferentes culturas do noso própio mundo conflúen cara a unha única e asombrosa revelación que marcará o destino da humanidade.