Tras “Galicia. Galicia”, Manuel Rivas ofrece neste libro unha nova xeografía galega que consta de catro lugares comunicados por camiños no tempo e no espazo: “Galicia contada a un extraterrestre”, amplo informe dirixido a un alien, chamado Golf Oscar Delta, sobre os hemisferios da Galicia de hoxe; “A espía (Iª volta)” e “A espía (IIª volta)”, informes das pesquisas dunha espía enviada a investigar os segredos do país dos galegos; e “O blog de rumbar”, anotacións nun caderno electrónico sobre o tempo presente. Un xornalismo que propón a rebelión do humor. Unha obra salgada na ironía e cun chisco de saudade que aposta pola rebelión contra o “estado de excepción mental”, o dominio do partido conformista e o imperio do absurdo e o baleiro. Un libro que concibe Galicia como célula nai, como matria, como almeiro, como lugar de encontro continental e transatlántico. [Presentación editorial]