Se hai vidas que superan o que un fabulador ou contista poida imaxinar, unha delas é a do artista galego Joaquín Vaamonde Cornide (A Coruña, 1871 - Meirás, 1900). Así a cualificou Emilia Pardo Bazán.
Perfecto Ramos Rodríguez recolle en forma de texto teatral as pasaxes máis destacadas da súa traxectoria, tanto persoal coma artística. Nada nesta obra é ficción, todo aconteceu tal e como nolo van contando, coas súas propias palabras, o protagonista, Vaamonde, e o resto dos personaxes, todos eles reais: Emilia Pardo Bazán, Amalia de la Rúa-Figueroa, Rafael Calzada e José Pan de Soraluce.
Vaamonde engaiolou, coa súa arte e calidades persoais, as elites, tanto en América coma en Europa, e converteuse dun día para o outro no retratista preferido da alta sociedade da corte madrileña cando remataba o século XIX. Mais na súa curta existencia, se na faceta profesional obtivo éxito e fama poucas veces acadados por ningún outro artista, na persoal a súa existencia foi un drama de principio a fin, e rematou traxicamente nas Torres de Meirás antes de cumprir os trinta anos.