Sinopse Publícase simultaneamente en varias linguas europeas, entre elas o galego, a nova novela de Paul Auster. En Viaxes no scriptorium, o autor galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras 2006 dá unha nova volta de rosca a súa recoñecida e esixente obra literaria e sitúa aos lectores nun ámbito no que imaxinación, linguaxe e ficción constitúen os eixes dun personaxe sen lembranzas. Despois do éxito de Brooklyn Follies Paul Auster volve cunha novela que sorprende xa desde o comezo: un home, vello e só, está sentado nun cuarto no que hai unha ventá e unha porta, unha cama, un escritorio e unha cadeira. Ao espertar non ten lembranzas, non sabe se pode saír ou non. Arredor del apenas hai obxectos: unhas fotos vagamente familiares, catro moreas de follas de papel e etiquetas cunha palabra escrita a man. Velaquí o punto de partida da nova proposta narrativa do escritor norteamericano. Nesta novela, Paul Auster reflexiona, desde a ficción narrativa, sobre as pantasmas da creación, mesmo incorporando ou rescatando personaxes doutras obras anteriores súas. Unha viaxe interior que é, ao mesmo tempo, unha esixente proposta de creación, da que fai cómplice ao lector, que participa no relato case que en pé de igualdade