Vigo é unha cidade única en Galicia pola súa contribución ao atletismo. O novo libro de Emilio Navaza, Vigo, capital atlética (Alvarellos Editora, 2025), así o demostra nun volume centrado na singular historia deste deporte olímpico na cidade. Ningún outro lugar fixo tanto por este deporte.
As primeiras competicións organizáronse en 1913, e na década de 1920 creouse a Federación Galega de Atletismo. Pouco despois, a cidade organiza en Coia (1921) o V Campionato de España de Pista.
Ademais, a nómina de olímpicos vigueses é impresionante:
Carlos Pérez (Roma, 1960; México, 1968 e Múnich, 1972), seguido de Rogelio Rivas Tokio, 1964), Javier Álvarez Salgado (México, 1968 e Múnic, 1972), Ramón Magariños (México, 1968), Alejandro Gómez (Seúl, 1988; Barcelona, 1992 y Atlanta, 1996), José Carlos Adán (Barcelona, 1992), Estela Estévez (Barcelona, 1992), Santiago Pérez (Atenas, 2004 e Pequín, 2008) e Ester Navarrete (París, 2024).
Despois da publicación de Más allá de la meta (Alvarellos Editora, 2022), Emilio Navaza volve
deleitarnos coas súas historias atléticas dende Galicia, esta vez con Vigo como núcleo e inspiración.
Navaza escribe co talento narrativo dos mellores xornalistas: entra en detalle, con rigor, ata a cita exacta, e tampouco se perde a anécdota engaiolante. A súa narrativa vese aínda máis enriquecida con máis de oitenta fotografías, moitas delas xa centenarias, e todas históricas.
Esta edición contou co apoio do Concello de Vigo e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.