En Xullo-Agosto un home está a punto de morrer. Sentindo próximo o seu pasamento pon as súas minguadas forzas para descubrir en si mesmo, escaravellando no máis escuro dos seus miolos, cal é o feito degradante que acotío lle veu amargando a vida ao longo de moitos anos.
Velaquí un remexer da conciencia, a férida doenza dun remordemento puro, xusto no transo de un dispoñerse a deitar o derradeiro alento namentres a memoria resucita naqueles días no Ferrol máis enxebre e mariñeiro cando o terror todo o asolagaba. “O medo é o peor que hai. O medo anula. O medo é algo tan destrutivo que pode botar por terra ata os máis altos valores humanos. Verdadeiramente o medo fai de calquera un bandallo”.
Na novela entrecrúzase o pasado e o presente do protagonista, conseguindo así unha perfecta simbiose entre os dous eixes temporais que forman a historia. Deste xeito, o autor trasládanos, a través dos pensamentos do protagonista, á vila de Ferrol en pleno verán de 1936.
O xurado do Premio Manuel Lueiro Rey destacou a frescura do seu estilo e a naturalidade da narración que move ao lector a través do tempo.