Arthur Rimbaud

(Charleville, 1854 - Marsella, 1891)

A súa nai pertencía a unha familia de propietarios rurais, no departamento francés das Ardenas, e o seu pai era un capitán de infantería que a abandonou cando tiñan catro fillos. De seis anos entón, o neno Arthur viviu unha infancia marcada pola severidade da nai e foi alumno brillante, gran lector e poeta precocísimo. Aos dezaoito anos instalouse en París por segunda vez e entregouse, con Paul Verlaine, dez anos maior, a unha relación que os arrastraría ata Londres. Aos vinte e dous incorporouse ao exército colonial holandés, do que non tardou en desertar, para percorrer logo Bélxica, Austria, Alemaña, Italia e Chipre. En fuga permanente, buscabullas e nihilista, viviu tamén en Xava, Iemen, Somalia ou Abisinia, exercendo máis dunha ducia de oficios, mesmo o comercio de armas. Un tumor fíxoo regresar ao seu país. Cando morreu, no Hospital da Caridade de Marsella, tiña só trinta e sete anos e facía case vinte que deixara de escribir poemas.