Canícula é un poemario que fala da xenealoxía familiar e a natureza. Hibridando o espazo mariño co monte e o rural co urbano, as nais coas avoas e as avoas coas netas, o libro preséntase como unha reflexión arredor do que supón medrar e marchar, ou o que supuxo, nun tempo, ficar. Os poemas do libro galopan como as pernas de cabalos que fuxen, como budións que se escorregan polas rías do Atlántico, como pingas que se desfán co primeiro sol da primavera. Canícula procura desde o intimismo a exploración formal, procurando un achegamento mínimo á estructura do verso, desfacéndose coa palabra que sobra e tentando, buscar interlocutores múltiples: nos mortos e na natureza, no real e no imaxinario.