Sinopse
O ser humano, desde os albores dos tempos, sempre creou divindades e mitos para explicar o inexplicábel, para tentar transcender estes sacos de carne mol que somos e que se converterán en po.
Prometeo foi o primeiro rebelde, o que roubou a luz, a chama do saber, da ciencia, se cadra mesmo da propia linguaxe. Mais a medida que a humanidade camiña cara a adiante, os mitos derrúbanse, as deidades morren no baleiro do esquecemento, suplantadas por novas crenzas: a roda, as engrenaxes, a pólvora, a enxeñaría, a nosa benquerida ciencia moderna.
Mais contra estas novas divindades tamén se ergueron modernos Prometeos, desafiantes, loucos ás veces, xeniais outras, aínda que sempre perturbadores.
Os relatos deste volume falan de todos eses espíritos que decidiron non conformarse co que lles foi dado e que remataron, para ben ou para mal, como titáns dun mundo onde as vellas deidades morreron hai tempo.
Benvidos á Rebelión de Prometeo.