O estudo participa no debate vixente sobre o modelo lingüístico que se debe promocionar ou sobre se realmente ten sentido falarmos dunha "lingua de calidade" profundando na necesaria confluencia entre o compromiso real co idioma desde as institucións públicas coa proxección dunha referencia exemplar digan de calidade para o galego.
Por iso, coidamos que o propio título deste volume colectivo, Modelos de lingua e compromiso, sintetiza con acerto unha das ideas xerais contidas e matizadas en cada un dos traballos desde prismas diferentes, cal é o estreito vínculo entre a implicación coa normalización do galego en todos os ámbitos de uso e a predilección por un modelo lingüístico capaz de o estilizar e de o dignificar; dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua.
Para desenvolvermos estes puntos de partida, presentamos unha organización dos cinco contributos que avance do máis xenérico a cuestións máis concretas. Deste modo, o primeiro deles, intitulado "Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego", asinado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, trata, entre outros temas e centrándose na nosa época, a aceleración do proceso de substitución lingüística que se leva producido na pasaxe do século XX ao XXI, a perda de falantes especialmente en ámbitos urbanos, a penetración desmesurada de españolismos na lingua coa ameaza que isto significa para a sobrevivencia do galego, a simbólica e eufemística utilización da palabra "hibridación" en vez de "españolización", para finalizar coa análise do concepto de "calidade da lingua" e a súa adecuación á realidade da Galiza. Segundo o propio autor expón, "non é posíbel normalizar unha lingua fondamente castelanizada [...] que as propias persoas que a falan valorizan pexorativamente como produto da contaminación e mestura con outra lingua que socialmente goza de maior prestixio". O prestixio, continúa a ponderar, "é necesario para a revitalización dun idioma e só se pode conseguir desde a calidade e a autenticidade".