“Os ángulos da brasa” é unha nova estación no percorrido pola memoria emprendido por Manuel Álvarez Torneiro dende os seus versos iniciais; o seu reencontro cos lectores despois de “Parábola do incrédulo” (2006). Perduran intactas, en rara coherencia íntima, a fe na robustez da beleza e no poder da palabra; finalmente, as mellores armas do poeta na súa teimuda batalla «contra o mundo e a favor da vida». Dividida en tres partes -‘Trama de vida’, ‘Terreal e sagrado’, e ‘Tapiz de cinsa’- este poemario presenta 67 composicións poéticas que botan unha ollada reflexiva sobre a cotidianeidade, que comparten emocións íntimas e xogan coa dimensión simbólica da palabra.