Atlántida, Atlantis, Atl. O continente perdido. Moito se ten falado desta terra lendaria sen que aínda hoxe se conseguise demostrar a súa existencia, mais tampouco a súa falsidade. Diríase que os humanos precisamos coma do aire de espazos que desafían o rigor da razón para situarmos neles as nosas arelas máis íntimas, as nosas imaxinacións, tamén as nosas perplexidades.
Atl propón un novo achegamento ao asunto da Atlántida desde o eido da creación literaria, mais un achegamento iluminado coas luces converxentes da historia e o mito, a ciencia e a intuición, a crónica e a fábula. A través do retrato dunha sociedade posíbel, no que se lle outorga un forte protagonismo á política, ao desenvolvemento tecnolóxico, ao pensamento e ás rutinas da vida cotiá, e que vén ser unha proxección inevitábel do mundo coñecido, asistimos a un demorado relato de tensións e intrigas que artellan unha explicación non de todo inverosímil dos acontecementos que levaron ao seu tráxico final.
Cun certo alento de fondo épico e unha vaga intención exemplarizante nunha novela clásica de acción, Atl aborda asemade unha revisión dos elementos máis comúns da ficción científica, dándolles un novo sentido e xuntándoos nunha mesma trama asombrosamente coherente.
Situado nalgún mar do noso interior máis profundo e nun tempo que pode ser calquera, velaí Atl, o continente perdido, esa historia que sempre volve.