con este Acuario 2 abrazando de novo o eixo temático do mundo do mar. Deste xeito, cunha vontade parella á que pairaba sobre a anterior entrega, léase a harmonización dun discurso poético fortemente rítmico que se organiza arredor dun campo semántico vinculado con algúns dos seres que poboan o universo acuático, incide, se cadra cunha maior profundidade, en elementos que explican, ou deberían explicar, a súa fortuna: velaí a adecuación expresiva para unha franxa de idade na que o proceso de descuberta é imparable e continuo e onde a ironía, o humor, o enxeño e, sobre todo, o inesperado e sorprendente no discurso lírico xogan un papel importante. Cómpre non esquecer, asemade, ese valor tan precioso que asume con naturalidade como é o de ofrecer a fixación acaída dos termos clave sobre os que xira cada un dos poemas. Velaí como a balea, o xurelo, o tiburón, os chocos, o sanmartiño, o longueirón ou a anguía, entre outros, se deseñan con algúns dos seus trazos característicos, potenciando a familiaridade do seu coñecemento a través de certas personificacións, permitindo así convertelos en seres próximos, cheos de vida e atractivo para calquera lectora ou lector, sospeito que aínda máis para os que comezan a aventura da lectura.