O pensador e autor de Tempo e vinganza e o novelista que deu ao prelo Non sei cando nos veremos cadran nestes escritos coa mesma afouteza, capacidade de penetración e atrevemento en desmontar o convencional que o escritor amosaba adoito na súa vida e na súa obra. A relación entre fala e poesía, o vencello entre literatura e silencio, a pintura e o teatro, a estética do obsceno, unha memoria “inmemorial” e, ao cabo, unha “exaltación da peste”, son algúns dos asuntos que raiolan neste libro de pezas breves nas que reflexión e arte traman unha conspiración contra o obvio para iluminar sen suprimir a escuridade.