Un libro de viaxes que conxuga o ton íntimo e reflexivo do diario co relato do encontro cunha terra nova, afastada e inmensa, territorio ignoto que, como a vida, cambia conforme o tempo lle vai dando forma.
Se en 'Diario de comidas', o seu anterior libro en prosa, o relato xa se desenvolvía en forma de dietario, desta volta a narración da experiencia expándese para, en estampas maxistrais, achegar aos lectores o pulso dun país senlleiro.
A partir do ano 2006, en que Rodríguez Baixeras visita por primeira vez o Brasil, decide convertelo nun centro de residencia primaveral e estival e, por tanto, nun dos principais polos de atracción -o outro é Galiza- cara ao que, desde entón, tendería a súa experiencia vital. A partir dese momento inaugural, inicia un modo de vida que lle permite un desdobramento: ser "outro" durante a metade do ano, non por mudanza de xorne ou de pensamento, senón por habitar outro clima, cambiar de ambiente, vestir outra roupa ou gustar comida diferente.
Amais dese dietario brasileiro, o poeta escribe unhas estampas en torno á cidade que o acolle, Salvador de Bahía. "A acusada presenza daquela terra ultramarina, tanto en forma de semblanzas como de diario, constitúe o verdadeiro centro deste libro, especialmente as primeiras polo que teñen de estabilidade, de prospección no tempo e -en certo modo- de novidade, de asombro inaugural", escribe Rodríguez Baixeras na nota aclaratoria inicial. Para o autor de 'O pan da tarde', ser o centro non significa, nin moito menos, erixirse en obxecto de visión exhaustiva, pormenorizada, mais si de contemplación dirixida a unha sociedade de alto poder de seducción e, sobre todo, sempre irradiadora dun estraño feitizo.